CRTVG

Buscar

Desvelan o prezo das vacinas que mercou a UE contra a covid-19

Publicado o 18/12/2020 20:52

Revelado o segredo de canto custan as vacinas contra a Covid. A Comisión Europea tentará mantelo como confidencial pero unha ministra belga ven de publicar os prezos destes tratamentos. E a vacina de Pfizer, a que primeiro se aprobará na Unión Europea, é a máis cara

Un cargo do Goberno belga desvelou na rede social Twitter os prezos das vacinas que a Comisión Europea acordou cos seis grupos farmacéuticos cos que pechou acordos no marco da súa estratexia de vacinación contra a Covid-19 e que a institución europea mantiña en segredo por razóns de confiencialidade.

Aínda que posteriormente borrou a mensaxe, a secretaria de Estado de Orzamento e Protección dos Consumidores, Eva De Bleeker, anunciou nesta plataforma que a UE comprou este ano 33,5 millóns de vacinas por 279 millóns de euros e acompañou o texto cunha imaxe no que se detalla o prezo por unidade de cada candidato a vacina.

Así, informaba de que se adquiriron 7,7 millóns de doses da vacina desenvolvida pola Oxford e AstraZeneca a un prezo por unidade de 1,78 euros e case 5,2 millóns do prototipo de Johnson & Johnson por un prezo de 8,50 dólares cada un (6,95 euros). Os 7,7 millóns de doses da vacina de Sanofi e GSK custarían á UE un prezo unitario de 7,56 euros.

Con respecto á vacina de BioNTech e Pfizer, que pode ser a primeira que é autorizada na UE se obtén unha recomendación favorable da Axencia Europea do Medicament ( EMA) o vindeiro luns, o prezo por dose é de 12 euros e a UE adquiriu un lote de 5 millóns de unidades.

Por último, segundo a información desvelada por este cargo do Goberno belga, a UE pagou 18 euros por cada unha dos 2 millóns de doses da vacina de Moderna e 10 euros por unidade da vacina de CureVac, a quen comprou 5,8 millóns de doses

Noticias web

18/12/2020