CRTVG

Buscar

Tres individuos desvalixan en 74 segundos unha tenda en Pontecesures

Publicado o 16/09/2021 09:00

O asalto a unha tenda de telefonía e material informático de Pontecesures foi unha acción rápida en que participaron tres persoas novas enmascaradas e con luvas. Empregaron unha reixa de fundición para rebentar a porta e abrir o paso, como rexistrou a videovixilancia interior.

O estrondo ocasionado foi grande. Lembrao Belén, que vive xusto por riba da tenda: "Sentimos uns golpes. Tremeron as camas dos rapaces, tremeu todo. Algún cadro da sala ata se descolgou da parede. E... xa chamando á Garda Civil, que tardou unha hora en chegar. Chegou antes Jose, o dono do local, que os gardas... é que foi un momento".

Foi ás tres e vinte da mañá e a acción durou exactamente un minuto e catorce segundos, captada desde varios ángulos. Os asaltantes foron directamente ao material de valor, un escachando as vitrinas cun martelo e os outros arramplando con teléfonos e tabletas para dúas bolsas. O ángulo de visión non permitiu á testemuña observar como fuxiron da zona os ladróns que, segundo manifestou, non se inmutaron antes os berros que lles lanzaron.

Noticias web

16/09/2021