CRTVG

Buscar

Detectada transmisión comunitaria do virus en Ejea de los Caballeros e Málaga

Publicado o 09/09/2020 14:00

A Junta de Andalucía detectou transmisión comunitaria do coronavirus na provincia de Málaga e recomenda a suspensión dos grandes eventos. É unha situación semellante á que levou as autoridades sanitarias aragonesas a confinaren os 16.000 habitantes da vila de Ejea de los Caballeros. Desde esta pasada medianoite só se pode entrar ou saír de Ejea de los Caballeros por motivos xustificados.

As restricións á mobilidade na capital da comarca zaragozana das Cinco Villas prolongaranse incialmente unha semana para atallar a transmisión comunitaria do coronavirus nesta localidade de 16.000 habitantes.

Ejea rexistra unha taxa de 800 casos positivos por cada cen mil habitantes, e triplica así ao resto de Aragón. As autoridades sanitarias aragonesas reforzaron os controis noutros sete concellos con maior incidencia do virus. 

Cunha taxa de 202 positivos nos útimos 14 días, a provincia de Málaga entrou tamén en fase de contaxios comunitarios.

Os hospitais malagueños concentran o 30 por cento de ingresos por covid-19 de toda Andalucía. A Xunta andaluza recomendou aos alcaldes da provincia suspender todos os eventos con público e non descarta máis restricións.

Na localidade biscaíña de Mungia, un colexio concertado tivo que atrasar o inicio do curso escolar ao detectárense varios casos positivos. Foi un primeiro caso en persoal non docente e ao longo do día xurdiron outros dous entre o persoal non docente directivo. Os 750 alumnos do centro comezarán as clases o próximo luns.

Noticias web

09/09/2020