Desmantelan unha rede de tráfico de drogas e de transporte de migrantes desde Melilla
Unha operación conxunta da Garda Civil e da Policía Nacional permitiu deter oito persoas e investigar outras dúas en Melilla por supostamente integraren unha organización delituosa dedicada ao tráfico de haxix e de migrantes coa península.
Impútanlles delitos de organización criminal, contra a saúde pública e contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros.
Para o transporte da droga urtilizaban embarcacións de alta velocidade, ou o método do "salto" co transbordo en mar aberto. As lanchas recreativas adquiríaas o líder da rede en Marrocos. O grupo realizaba ao tempo transporte de migrantes á península, o que lles reportaba altos beneficios económicos, xa que lle cobraban 2.000 euros a cada un pola travesía.
A organización establecía un dispositivo de seguridade para controlar os movementos das forzas de seguridade e garantir así o éxito das operacións. Realizáronse tres rexistros domiciliarios coa incautación de 335 quilos de haxix, e a aprehensión de tres embarcacións deportivas, 17 vehículos, teléfonos móbiles e diverso material electrónico de última xeración.