CRTVG

Buscar

Desmantelan unha rede con millóns de xoguetes e produtos sanitarios ilegais

Publicado o 18/12/2020 10:19

• Hai 12 detidos en Madrid, desde onde distribuían a mercadoría procedente da China

Desmantelan unha rede con millóns de xoguetes e produtos sanitarios ilegais

Unha operación conxunta da Axencia Tributaria e da Polícia Nacional permitiu desmantelar un dos maiores centros de distribución de xoguetes e produtos sanitarios ilegais en Madrid.

Xa hai 12 persoas detidas e outras oito están sendo investigadas pola súa presunta pertenza a unha organización á que se lle interviron case 1,4 millóns de xoguetes e máis de 2,7 millóns de unidades de produtos sanitarios. Tamén se incautaron 19.300 euros en efectivo.

Os investigadores calculan que, co material comisado, os agora detidos poderían obter uns beneficios de preto de 10 millóns de euros.

Segundo informaron a AEAT e a Polícía Nacional, estes individuos mercaban os produtos desmontados na China e, unha vez introducidos no mercado español por diferentes medios, eran ensamblados principalmente nunha nave de Pinto. Despois os distribuían a distintas partes do país.

A proximidade do Nadal precipitou a operación ante o previsible incremento no consumo deste tipo de produtos.

Durante unha primeira fase, foi a Policía Municipal de Madrid a que realizou varias inspeccións en que foron identificados os produtos que se vendían en tendas. A partir de aí chegouse ata os distribuidores, provedores e a mesma orixe dos produtos.

Na segunda fase, a vixilancia coordinada entre os distintos corpos permitiu localizar o centro de distribución, as vías de chegada dos produtos e a rede de distribución organizada que tiñan.