Desmantelan en Alacant un laboratorio de cocaína que producía 600 quilos ao mes
A Policía Nacional desmantelou na localidade alacantina de Almoradí un laboratorio de cocaína capaz de producir 600 quilos cada mes. Estaba construído no interior dunha nave industrial baixo a aparencia de taller mecánico, picadeiro de cabalos e criadeiro de cans.
O operativo permitiu deter 30 persoas nunha investigación que comezou en xaneiro de 2020, cando os axentes souberon dun importante desvío de substancias químicas á zona do Levante. O destino final sería este laboratorio clandestino.
Os investigadores arrestaron nunha primeira fase cinco persoas para focalizarse na canle de distribución mediante vixilancias e seguimentos a vehículos de membros da rede. No centro da nave apareceu construída unha vivenda ilegal habilitada como laboratorio clandestino.
Axentes dos GEO incautáronse duns 17 quilogramos de cocaína en diferentes estados de procesamento. Tamén encontraron máis de 3.000 litros de precursores químicos para adulterar a pasta base de cocaína para transformala.
Houbo 30 detencións e 15 rexistros en Valencia e Murcia. Ademais da droga, uns 57 quilos de substancias en total, os axentes requisaron 20 vehículos de gama alta, tres motos de auga, un camión frigorífico, armas e 650.000 euros en efectivo.
A organzación distribuía grandes cantidades de cocaína, haxix e marihuana entre outras drogas e contaba con capacidade para o branqueo de cantidades importantes de cartos.