Desmantelan en Sevilla unha rede que branqueaba cartos do narcotráfico
A Garda Civil detivo sete persoas, investiga outras vinte nas localidades sevillanas de Lebrija e El Cuervo e detectou o ingreso en efectivo dun millón e medio de euros. A organización delituosa branqueaba capitais procedentes do narcotráfico, nunha investigación que comezou tras descubrir unha plantación de marihuana en Lebrija.
Detrás da rede había unha trama de empresas dirixidas por un clan familiar que levaba dez anos diversificando a orixe dos fondos obtidos, froito do tráfico de cocaína.
Entre as técnicas utilizadas para branquear cartos empregaban homes de palla e empresas pantalla para titularizar parte dos bens mobles e inmobles de luxo propiedade da organización delituosa. Mercaron unha administración de lotarías e adquiriron 27 décimos premiados da Lotaría Nacional e cupóns da ONCE.
Tamén se fixeron con terreos dunha sociedade cooperativa con 200 hectáreas e cun valor de 1.200.000 euros onde pretendían construír unha planta fotovoltaica para lograr ingresos permanentes.
Na investigación detectouse o ingreso dun millón e medio de euros en entidades bancarias. Os rexistros permitiron encontrar mais de 130.00 euros en efectivo e documentación. O xulgado ordenou o bloqueo de mais de 150 contas e a paralización da actividade mercantil das oito empresas do grupo.