Desartellan en Barcelona unha banda de tráfico de drogas que operaba a grande escala en toda Europa
Un cento de axentes dos Mossos d'Esquadra, nun macrodispositivo en Arenys de Mar, na comarca do Maresme, detiveron dezaseis persoas e entraron en oito locais e vivendas de distintas localidades da zona. Localizaron en Sant Cebrià de Vallalta o epicentro dunha organización internacional de tráfico de marihuana.
A banda obtiña catro millóns anuais de beneficios. Os seus membros, todos albaneses, distribuían a produción de marihuana cultivada en Cataluña en toda Europa, onde o prezo do quilogramo pode superar os 5.000 euros.
Os Mossos lograron desmantelar o organigrama no seu conxunto e as explotacións co comiso de máis de 12.000 plantas de marihuana, 113 quilos de cogollos empaquetados ao baleiro, armas, vehículos e case cen mil euros en efectivo. As substancias comisadas terían un valor dun millón de euros.
Os investigadores deron con varias casas en diferentes urbanizacións de localidades da comarca do Maresme con complexas instalacións eléctricas e conexións fraudulentas para lograr plantacións a pleno rendemento. Parte dos beneficios da rede os investían na compra de vivendas ou naves para incrementalo negocio.