Desestimada a demanda polas miccións de mulleres gravadas na Maruxaina
Durante a celebración da Maruxaina en 2019, unha festa que congregou milleiros de persoas, ata 80 mulleres foran gravadas cunha cámara oculta mentres facían as súas necesidades na vía pública. Posteriormente, os vídeos foron subidos a páxinas pornográficas, o que fixo que denunciase o caso, entre outros, a asociación Mulleres en Igualdade de Burela. Esta asociación feminista xa anunciou que recorrerá a sentenza do titular do xulgado de instrución número 1 de Viveiro, que considera lícitas as gravacións ao seren realizadas en espazos públicos, á vista dos transeúntes.
Jasone Lorenzo, Mulleres en Igualdade Burela: "Puxeron unhas cámaras para gravar, xa con premeditación e para poder subir as imaxes, nunha vía pública onde non hai sinais de que teñas cámaras gravándote. O ditame compara este caso co dunha parella que mantivera relacións sexuais dentro dun caixeiro, onde xa sabes que te están gravando e que esas gravacións poden saír á luz".
A nova tamén causou estupor na vila de San Cibrao, onde consideran desatinada a sentenza xudicial. Ademais do colectivo feminista burelao, o caso tamén foi denunciado por particulares e mais polo propio Concello de Cervo.