CRTVG

Buscar

Desenvolven en Galicia un test de antíxenos para detectar o coronavirus na saliva

Publicado o 05/02/2021 12:27

Un grupo de investigadores da Universidade de Santiago desenvolve un test de antíxenos para detectar o coronavirus na saliva.

Rapidez e facilidade de uso serán as características deste test, que utilizando nanopartículas de ouro pretende equipararse en sensibilidade coas probas PCR. 

A súa misión, atrapar proteínas de coronavirus no fluído bucal para saber se unha persoa está infectada ou non.

"Encaixa perfectamente o que é a proteína na estrutura do nanocorpo e prodúcese unha interacción de afinidade, unha interacción forte entre un e outro que fai que esa proteína se ancore, se una de xeito moi forte sobre o nanocorpo".

Iso permitirá unha mellor detección do virus cunha fiabilidade que os investigadores pretenden sexa equiparable á das probas PCR.

"Pero o noso obxectivo é mellorar os que hai hoxe en día no mercado que chegan a 92, 93 por cento de sensibilidade, ou sexa que son capaces de detectar o 93 por cento do casos que realmente son positivos".

Aínda que o proxecto está na fase inicial, a idea é que este test de saliva galego sexa fácil de usar.

"Simplemente que nos esteamos chuchando coma se fose case unha piruleta e que aí recollamos esa mostra de saliva que logo se traslade moi facilmente ao que é o test".

Unha aplicación móbil trasladará o resultado ás autoridades sanitarias.

Noticias web

05/02/2021