Desde medianoite pecha o interior da hostalería en Ordes e Monforte de Lemos
Desde este sábado os 18.600 veciños de Monforte de Lemos e os 12.700 de Ordes non poderán tomar a súa consumición no interior dun bar ou dun restaurante. Os dous concellos entran no nivel máximo de restricións pola explosión de contaxios tras as festas que disparou a incidencia por riba de 1.100 en Monforte e de 1.600 en Ordes.
"Estamos resignados e cabreados porque levamos xa un ano e medio traballando uns meses cunhas restriccións e outros meses con outras", laiase un hostaleiro de Ordes. "Estamos todos un pouco saturados", asegura unha veciña da localidade.
En Ordes, Monforte e na trintena de concellos en nivel alto de restricións quedan prohibidas as reunións de non conviventes na rúa entre a unha e as seis da madrugada. A medida afecta a algo máis de 200.000 veciños. A maioría de Galicia seguirá nos chanzos máis baixos de restricións. Pero preocupa a evolución dalgúns concellos rurais, con poboación envellecida, que ata agora mantiñan o virus a raia. É o caso de Agolada. Pasou de 0 a 18 casos nun día.
"A gran maioría é xente moi nova e agora estamos preocupadas por que contaxien as familias, a pais e avós que son xente con máis risco de enfermar", explica Marcos Galego, concelleiro de Sanidade de Agolada, un pequeno concello afectado polo gromo que se declarou entre a xuventude tras as festas de Melide.
Sanidade tamén vixía os gromos en residencias e centros de atención á discapacidade. Baixaron a 163 tras varias altas en xeriátricos de Pontevedra e de Betanzos. Tamén en Betanzos aumentaron de 8 a 14 os positivos no matadoiro de Montellos .