Descubrimos o Camiño Mozárabe cara a Santiago
O Camiño Mozárabe recrea a rede de camiños que percorrían os cristiáns que residían no sur da Península durante a dominación musulmá. Ten tres puntos de partida: Almería, Málaga e Xaén, cruza Córdoba, pasa por Badaxoz e Mérida e desde alí enlaza coa vía da prata para chegar a Santiago. Unha das etapas máis longas e máis duras pasa polo concello de Alcaracejos, en Córdoba. O seu alcalde conta que moitos peregrinos deciden percorrela en dous días. Esa circunstancia animounos a aproveitar o camiño mozárabe como reclamo para atraer visitantes.
"E decidimos poñelo en valor, eramos conscientes da riqueza patrimonial, da riqueza histórica que ten a ruta e decidimos que tiñamos que contalo", afirma o alcalde.
Instalaron paneis informativos con detalles sobre os lugares polos que pasa o camiño mozárabe e aproveitaron as novas tecnoloxías para promocionalo. A ruta, di o alcalde, está xa moi consolidada.
"Non é só para os peregrinos, tamén é para a xente de Córdoba, de Sevilla, que lle apeteza facer algo que está de moda como é facer unha ruta un domingo, non é unha ruta pensada só para o peregrino que pasa, senón para o turista que quere coñecer a nosa comarca", engade.