Descontrolada en Galicia a transmisión da covid con máis de 650 contaxios diarios
• Os novos positivos en 24 horas son 655 (+96)
• As infeccións activas soben das 4.000 este sábado

A transmisión comunitaria do coronavirus en Galicia é un feito outra vez. Os positivos diarios e as infeccións activas seguen disparadas á alza cos datos rexistrados ata as 18 horas do venres. Así, os contaxios en 24 horas son 655, con 96 máis respecto da xornada precedente, unhas cifras que non aparecían desde o mes de febreiro.
Isto supón que os casos activos superen xa os 4.000, con 4.168 persoas que precisan seguimento da enfermidade, que son 498 máis que o xoves. Acelérase o incremento de infeccións que xa duplican os de hai unha semana.
Canto ás hospitalizacións hai unha persoa menos ingresada, con 47 doentes en planta nos hospitais galegos, que son 3 menos, pero cun incremento de pacientes nas UCI, xa que agora son 12, dous máis que o xoves. Con todo, máis da metade dos ingresados na UCI teñen 40 anos ou menos, segundo informan dende Sanidade.
Nas últimas horas non se notificaron novas mortes por mor da covid. As persoas falecidas en Galicia desde o comezo da pandemia en marzo de 2020 son 2.439.
Situación por áreas sanitarias
As infeccións activas por coronavirus aumentan en todas as demarcacións sanitarias galegas. Vigo é a que rexistra máis incremento, con 137 novos positivos e con 871 persoas contaxiadas, e Ourense a segunda, con 120 mais e un total de 726 casos activos. Hai tres áreas sanitarias sen pacientes nas UCI que son a de Ourense, a de Santiago e a de Vigo.
A Coruña: 821
Vigo: 871
Pontevedra: 741
Ourense: 726
Santiago: 432
Lugo: 414
Ferrol: 163