CRTVG

Buscar

O Carné Xove incorpora descontos en establecementos turísticos de Galicia

Publicado o 02/06/2021 11:25

Galicia acaba de sumar as actividades turísticas á oferta de bonificacións do Carné Xove grazas a un convenio entre a Dirección Xeral de Xuventude e o Clúster de Turismo.

"Incorporamos máis de 50 establecementos turísticos para animar a xente nova a que pase as súas vacacións tamén en Galicia", di Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude. 

"Nós estamos ofrecendo un paquete con aloxamento e ruta en canoa canadense e bicicleta eléctrica para coñecer o contorno do río Tambre na desenbocadura da ría de Noia," explica Borja Batalla, un empresario do sector de turismo aventura da comarca de Noia que ampliou a sua oferta de servizos para sumarse a bonificación do Carné Xove e ao programa 'Elixe Galicia', tamén subvencionado pola Xunta.

O incentivo para os que dispoñan do Carné Xove será un 10 % de desconto no prezo dos aloxamentos ou servizos turísticos que estean incluídos no convenio. "Nalgúns casos, os establecementos xa permiten facer o desconto con compra electrónica, presentándoo despois no local", especifica Cristina Pichel.

Para simplificar aínda máis o proceso, a Dirección Xeral de Xuventude está preparando unha aplicación que inclúa os establecementos turísticos e o milleiro de empresas e entidades que xa están adscritas ao Carné Xove.

Borja sumouse á lista porque considera que este incentivo para os máis novos axudará a recuperar á actividade no sector tras a pandemia.

Noticias web

02/06/2021