CRTVG

Buscar

O futuro de Alcoa pasa polos EUA: Reyes Maroto reúnese coa dirección da empresa

Publicado o 19/07/2021 13:04

Reunión crucial hoxe en Pittsburgh, nos Estados Unidos, da ministra Reyes Maroto coa dirección de Alcoa para negociaren o mantemento da produción en San Cibrao. Hai malestar e desconfianza porque descoñecen a proposta do ministerio. Hoxe, volven as mobilizacións.

Na reunión cos máximos responsables da multinacional estadounidense, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, trasladará, segundo a axenda do Ministerio, a vontade do Goberno de atopar unha solución que garanta o mantemento das capacidades industriais e os empregos na factoría de San Cibrao, na comarca da Mariña.

Os traballadores, representados polo comité de empresa, esperan que esa reunión sirva para desencallar o proceso de venda da fábrica de aluminio primario de San Cibrao. Á espera de que cheguen noticias positivas desa reunión nos Estados Unidos, o comité convocou para esta tarde unha manifestación en Río Covo, en San Cibrao, xusto o día en que finalizan os dous meses que se deron Alcoa e os representantes sindicais para manter a “paz social” mentres se negociaba a venda da factoría.

O vicepresidente económico da Xunta Francisco Conde dixo que a reunión deste luns "é unha oportunidade" para desbloquear o proceso de venda da planta de Cervo. "Hai que desbloquear o proceso de negociación, que agora está parado", dixo Conde, "para poder chegar a un resultado positivo".

Desde o seu punto de vista, a reunión ten que servir para que o Goberno empregue todos os instrumentos dos que dispón e para que a multinacional demostre a súa "boa fe".

Neste momento, lembrou, son catro empresas as que trasladaron oferta non vinculante, polo que aposta por "traballar para que esa oferta poida ser vinculante e se poida producir a venda".

Alcoa insiste na participación da SEPI

Alcoa volveu defender que a participación da SEPI no proceso de venda da planta de aluminio de San Cibrao “é o camiño” para levar a negociación a bo porto, nun comunicado enviado a horas desa reunión entre o CEO de Alcoa Roy Harvey e a ministra de Industria Reyes  Maroto.

"Alcoa reitera que a proposta do Goberno de articular a venda da planta de San Cibrao a través da SEPI é o camiño para levar a cabo o proceso de venda con garantías como alternativa ao despedimento colectivo", subliña a multinacional na nota.

Canto á "reunión de traballo", a compañía di que "espera recibir da ministra unha proposta viable dos próximos pasos referentes á participación da SEPI”, conclúe.

Noticias web

19/07/2021