CRTVG

Buscar

Dúas mortes este venres elevan a 751 o total de vítimas do virus en Galicia

Publicado o 02/10/2020 19:53

• Descenden os casos activos, malia a suba na área de Ourense (+51)

• A área da Coruña segue reducindo o seu número de casos activos cunha forte baixada (-60)

• Notificáronse outros dous falecementos en residencias pola mañá, en El Pinar de Culleredo e na de maiores Nosa Señora do Viso de Lobeira

Dúas mortes este venres elevan a 751 o total de vítimas do virus en Galicia

Nas últimas horas faleceron dúas persoas que foran diagnosticadas por coronavirus, informa o Sergas. Trátase dun home de 75 anos que estaba ingresado no CHUO e unha muller de 82 que estaba ingresada no CHOP.

Os dous tiñan patoloxías previas e ningún estaba vinculado con centros de maiores.

Porén, Sanidade informou pola mañá da morte de dúas persoas vinculadas a residencias na xornada de onte.

Trátase dunha muller de 90 anos, usuaria do fogar residencial El Pinar de Culleredo e un home de 72, usuario da residencia de maiores Nosa Señora do Viso (Lobeira).

Nestes momentos a cifra total de falecidos por mor do virus en Galicia ascende xa a 751.

Por outra banda, Galicia rexistra este venres 4.203 casos activos segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 56 casos activos menos ca onte. Ademais, hai 206 novos contaxios.

O repartimento dos casos activos por áreas sanitarias é o seguinte:

A Coruña 904 (-60)
Vigo 491 (-23)
Ourense 850 (+51)
• Santiago 539 (+5)
• Lugo 526 (+2)
• Pontevedra 765 (-30)
• Ferrol 128 (-1)


No tocante ás hospitalizacións, hai 36 persoas na UCI (+3), 207 en unidades de hospitalización e 3.960 en seguimento domiciliario.

Dende o inicio da pandemia curaron en Galicia 19.389 persoas e realizáronse 492.648 probas PCR.