CRTVG

Buscar

Falece unha persoa nunha xornada en que descenden os casos activos en Galicia

Publicado o 27/12/2020 21:00

• Baixada dos casos activos en todas as áreas sanitarias

• Santiago e Pontevedra son as areas que rexistran máis contaxios novos confirmados por PCR

Falece unha persoa nunha xornada en que descenden os casos activos en Galicia

Nas últimas horas faleceu unha muller de 82 anos na clínica viguesa Povisa, segundo informa Sanidade. A falecida tiña patoloxías previas. Tras sumar esta morte, a cifra total de falecidos ascende a 1.370 dende o inicio da pandemia.

Este domingo notifícanse 5.609 casos activos en Galicia. Isto supón, 107 menos ca na xornada anterior. Ademais, nas últimas horas confirmáronse 213 casos novos por PCR. Realizáronse 2.853 probas diarias, 3.344 menos ca as notificadas onte. E Santiago e Pontevedra son as áreas sanitaria que rexistran máis contaxios confirmados por PCR, con 68 e 47, respectivamente.

Continúa aumentando a presión nos hospitais galegos, con 8 persoas máis ingresadas: 3 nas UCI e 5 en planta. Por outra banda, recibiron a alta 337 persoas.

 

Distribución dos casos activos por áreas sanitarias

Prodúcese un descenso dos casos en todas as áreas sanitarias, pero a de Ferrol é a que rexistra unha baixada maior, con 34 menos.

A Coruña: 873 (-28)

Vigo: 1.226 (-6)

Ourense: 540 (-18)

Santiago: 1.352 (-3)

Lugo: 374 (-7)

Pontevedra: 896 (-11)

Ferrol: 348 (-34)