CRTVG

Buscar

Descenden os casos activos en Galicia (-35) despois de tres días consecutivos á alza

Publicado o 17/12/2020 10:39

• Só aumentan nas áreas de Santiago (+46) e o Ourense (+10)

• A presión hospitalaria, estable cunhas 350 persoas ingresadas

Descenden os casos activos en Galicia (-35) despois de tres días consecutivos á alza

Caen os casos activos en Galicia ata os 5.618 (-35). Logo de tres días con subas nos casos activos, que sumaron 132 contaxios á cifra global, volvemos ter un saldo negativo de casos activos nesta xornada.

Por áreas sanitarias a repartición sería:

• Vigo: 1.308 (-35)

• Santiago: 1.100 (+46)

• A Coruña: 899 (-8)

• Pontevedra: 865 (-4)

• Ferrol: 555 (-15)

• Ourense: 458 (+10)

• Lugo: 433 (-29)

Estabilidade nos hospitais

O número de persoas ingresadas nos hospitais galegos redúcese respecto a onte: hai 352 persoas ingresadas, 302 en planta (+1) e 50 nas UCI (-3). Así, presión hospitalaria redúcese lixeiramente, consolidando o número de persoas ingresadas ao redor das 350 nas últimas semanas.

Por desgraza, o número de vítimas continúa aumentando. Onte o Sergas notificou catro falecementos. O número de galegas e galegos finados por mor do coronavirus ascende a 1.327.

Máis de 8.000 PCR e con positividade no 4 %

As probas PCR notificadas polo Sergas mantéñense por riba das 8.000 por cuarto día consecutivo, ata acadar a cifra récord do último mes: 8.579  probas (-447). O motivo está nos múltiples cribados masivos en varios concellos do país, cunha asistencia superior ao 75 % na maioría dos casos.

A media dos últimos sete días de probas PCR é de 8.099,42, cun número de contaxios detectados de 326,42 de media, o que revela unha positividade media para a última semana do 4,03 %, practicamente un punto por debaixo do 5 % recomendado pola OMS como máximo para dar por controlada a pandemia.

Das probas PCR notificadas hoxe deron positivo 357, o que representa un 4,16 % de positividade.

Mapa de incidencias por concellos