CRTVG

Buscar

Descende a incidencia a 206 en España e a presión nas UCI queda por baixo do 30 %

Publicado o 25/02/2021 18:59

O Ministerio de Sanidade notificou 9.568 novos contaxios e 345 mortes máis nas últimas horas, así como unha nova caída da presión nas UCI ata unha ocupación do 29,62 % e da incidencia acumulada en 14 días por cada 100.000 habitantes, que se sitúa en 206, tras un descenso de 12 puntos. 

Sanidade tamén comunicou unha nova redución dos ingresos hospitalarios, 12.831 enfermos de covid, o que supón unha ocupación do 10,1 %. Desde o inicio da pandemia a cifra total de contaxiados elévase a 3.180.212 e a de falecidos a 68.813, dos que 875 contabilizáronse nos últimos sete días. 

Ante estas cifras, o director do Centro de Coordinación de alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, dixo en conferencia de prensa este xoves que a pesar de que toda España evoluciona ben, a evolución da pandemia non é homoxénea e "non estamos nunha situación boa". "Isto téñennos que facer reflexionar sobre o mantemento das medidas institucionais e de protección individual. Hai que esperar a incidencias menores de 100 para pensar que nos podemos relaxar un pouco máis", subliñou o experto. 

Sobre o plan de vacinación, o Ministerio de Sanidade informou tamén de que nun día adminsitraron máis de 150.000 doses. 

A situación non é uniforme en toda España, onde aínda hai 10 comunidades que están en risco alto. O Ministerio de Sanidade traballa nun plan para a Semana Santa, pero recoñecen que non vai ser doado tomar decisións comúns para todas as comunidades. Polo momento, só está inmunizada en España o 2,6% da poboación.

A tendencia é descendente en toda España, pero nalgunhas comunidades, especialmente en Cataluña e en Euskadi, xa se aprecia que a baixada de contaxios é moito máis lenta. Sanidade prevé que a medida que se vaian relaxando as restricións, irá pasando o mesmo en todas.
Por iso advirten que non hai que apurarse na desescalada nin pensar na Semana Santa. Porque de aquí a aló pode haber moitos cambios.

Outro dato que chama á prudencia é que, polo momento, só está vacinada o 2,6% da poboación española. Por iso Fernando Simón recomenda extremar as precaucións en caso de asistir a grandes eventos, como as procesións da Semana Santa ou ás manifestacións do 8-M.