Descartan un brote en Vilanova de Arousa entre peregrinos portugueses con febre

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés descartou un brote de coronavirus entre un grupo de peregrinos portugueses que se ía a aloxar no albergue de Vilanova de Arousa entre os que había trece compoñentes que presentaban síntomas compatibles coa enfermidade.
A estes realizáronselles dúas probas de detección da COVID-19 que ofreceron resultado negativo, informaron fontes da Consellería de Sanidade.
Foi este xoves sobre as 17:00 horas cando o grupo de peregrinos, tras realizar un tramo do Camiño de Santiago, chegou ao albergue de Vilanova. Unha vez alí tomáronlles a temperatura e constatouse que varios deles presentaban febre.
Ata o albergue desprazouse o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, médico de profesión, quen xestionou a situación xunto con técnicos asistenciais do 061.
Contactouse coa xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e activáronse os protocolos preventivos.
O persoal facultativo do PAC de Vilagarcía contactou cos peregrinos de forma telefónica e aos 13 que presentaban síntomas compatibles realizáronselles as dúas probas que finalmente deron resultado negativo.