CRTVG

Buscar

Descarrila un tren entre Betanzos e Oza-Cesuras sen causar feridos

Publicado o 29/12/2020 06:10
Descarrila un tren entre Betanzos e Oza-Cesuras sen causar feridos

Un tren que facía o traxecto entre A Coruña e Monforte de Lemos (Lugo) descarrilou este luns entre as estacións de Betanzos-Infesta e Oza dos Ríos, en Oza-Cesuras, sen que ningunha persoa quedase ferida, segundo comunicou Renfe.

Sucedeu contra as 20.20 horas, cando saíu das vías o primeiro vagón, en que ían 17 pasaxeiros, canda ao maquinista e ao interventor. O convoi partira da Coruña ás 19.35 horas e tiña programada a chegada a Monforte ás 22.33 horas. Fontes de Renfe informaron de que os pasaxeiros farían o resto da viaxe en autobús.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias -Adif- explicou que o descarrilamento se produciu ao atoparse o tren cun desprendemento de terras. Fíxoo na súa conta de Twitter, onde a esta hora se segue sinalando que, pola incidencia, a circulación está interrompida entre Oza dos Ríos e Betanzos-Infesta, na liña Lugo-Ferrol. A previsión é que se restableza ás 10.00 horas.