Deteñen un home en Vigo no marco da opración Pólvora contra o tráfico de drogas

A Policía Nacional desarticulou unha das maiores redes de distribución de substancias químicas destinadas á adulteración de grandes partidas de cocaína en España, tras a detención este pasado martes dun home de 42 anos como presunto autor dun delito contra a saúde pública en Vigo.
A detención tivo lugar na empresa do home, no marco da terceira fase da operación Pólvora, cuxo operativo se iniciou no mes de setembro en Mallorca, tras unha investigación levada a cabo pola Policía Nacional e que atende un Xulgado de Palma.
Nesta empresa, o home presuntamente levaba a cabo vendas fraudulentas de todo tipo de produtos químicos que adquiría a través de homes de palla e que se destinarían á adulteración, procesamento e corte de substancias estupefacientes, en concreto de cocaína.
Catro entradas e rexistros en Vigo
No operativo policial realizado en Vigo, os axentes levaron a cabo catro rexistros na localidade de Vigo.
Así, localizáronse centenares de quilos de substancia química, así como diversa documentación, que está a ser analizada, onde constan vendas realizadas por toda Europa.
Nunha das vivendas localizouse unha caixa forte de grandes dimensións en cuxo interior había máis de 1.000 moedas de coleccionista, así como guitarras eléctricas de famosos grupos do pop español, cun alto valor económico e que se obtiveron polos beneficios da actividade realizada polo presunto autor.
Unha trintena de detidos
O dispositivo está enmarcado dentro da operación Pólvora, iniciada nos Xulgados de Palma de Mallorca o pasado mes de marzo, cando comezaron as investigacións respecto a unha organización criminal dedicada ao tráfico de cocaína.
No mes de setembro iniciouse o operativo policial no que ata o momento se detiveron 30 persoas, practicáronse 28 rexistros, incautando cinco quilos de cocaína, 70 quilos de substancia de corte, 370.000 euros en efectivo, unha pistola con munición, diversos vehículos, así como útiles para a adulteración e tratamento da cocaína.
No primeiro operativo desmantelouse a organización criminal que introducía a droga en España, adulterábaa e dáballe saída.
Na segunda fase desmanteláronse os puntos de venda en Mallorca que eran xestionados por dous grupos diferenciados, e nesta terceira fase desarticulouse a rede que distribuía as substancias químicas necesarias para a adulteración de cocaína.
A causa, declarada secreta, permanece aberta en fase de instrución nun xulgado de Palma.