Desartellan unha rede que roubou mercadoría a camións e polígonos por 5 millóns de euros
A Garda Civil detivo sete persoas e investiga outras tres por, presuntamente, pertenceren a unha organización dedicada ao roubo de camións e naves industriais en Madrid, Castela-A Mancha e Valencia. Están considerados responsables de arredor de 80 delitos. Estas accións leváronse a cabo no marco da operación 'Ouro Nórdico'.
A organización branqueaba o diñeiro que obtiña a través da venda da mercadoría roubada coa compravenda de vehículos de segunda man, acreditando na investigación a compravenda entre particulares de 342 vehículos, polos que obterían máis de 5,3 millóns de euros de beneficios, segundo informa o Instituto Armado nunha nota de prensa.
Foi precisamente o roubo dun camión que contiña 20 toneladas dun material coñecido como ouro nórdico e composto por unha aliaxe de cobre, aluminio, cinc e estaño, o que motivou a investigación. As primeiras pescudas levaron os axentes ata unha zona da contorna de Madrid, onde parte da mercadoría estaba a ser cortada e queimada.
En paralelo, os investigadores detectaron un aumento de roubos de camións cargados de mercadoría que respondían a un mesmo modus operandi, o que permitiu establecer que eran cometidos pola mesma estrutura criminal.