CRTVG

Buscar

Desartellan unha rede de explotación sexual en Santiago e Ourense

Publicado o 24/08/2021 12:34

• Hai 6 detidos, entre eles, un veciño de Santiago como líder da rede

• Captaban mulleres en situación de vulnerabilidade, menores incluídas | A operación permitiu liberar dúas mozas

Axentes da Policía Nacional desartellaron en Ourense e Santiago de Compostela unha organización criminal dedicada, presuntamente, á explotación sexual e á corrupción de menores.

Os integrantes desta banda criminal captaban mulleres en situacións de gran necesidade e vulnerabilidade a través de páxinas web de contactos sexuais ou directamente a pé de rúa para logo explotalas sexualmente en domicilios, segundo informa a Policía Nacional nun comunicado

No marco da investigación foron detidas seis persoas, catro delas en Ourense e dúas en Santiago de Compostela.

A investigación iniciouse cando axentes da Policía Nacional en Ourense "recibiron unha información da que se desprendía que dúas mozas menores de idade, e en situación de gran vulnerabilidade, foran aloxadas no domicilio dun adulto que as obrigaba a manter relacións sexuais con el e con outro adulto como forma de pago pola axuda recibida". Ademais, dúas mulleres da contorna deses homes propuxeran ás menores exercer a prostitución en Santiago de Compostela, aceptando unha delas.

Os axentes estableceron entón un dispositivo que permitiu liberar a menor antes de que comezase a ser prostituída e que facilitou a detención en Ourense de dous homes e dúas mulleres –unha delas menor de idade- responsables dos feitos, aos que se lles imputou delitos relativos á prostitución e corrupción de menores.

"É unha rede que levaba tempo operando. Grazas á rápida intervención da policía, conseguiuse liberar estas dúas mulleres menores de idade antes de exercer a prostitución", explica César Ramos, voceiro da Policía Nacional.

Con toda a información solicitada, a Policía Nacional terminou constatando a existencia dunha organización criminal asentada en Galicia que se dedicaba ao tráfico de mulleres con fins de explotación sexual, mediante a captación de mozas a través de páxinas webs ou na propia rúa para logo explotalas en domicilios privados.

Tras seis meses de investigacións, a operación policial concluíu coa entrada e rexistro en dous domicilios de Santiago e o arresto de dous homes, un deles é o suposto líder do grupo. "E despois, froito desa primeira fase, houbo unha segunda, en que detiveron dúas persoas máis, dous homes, entre eles a mente pensante desta organización criminal", explicou José Miñones. delegado do Goberno en Galicia.

"O líder é un veciño de Santiago que exercía unha gran agresividade para obter relacións sexuais con estas persoas para comprobar se eran aptas ou non para exercer a prostitución", explica Ramos. Empregaba unha grande agresividade e un trato sexual extremadamente vexatorio". Tamén xestionaba e controlaba os servizos sexuais que realizaban as vítimas, apropiándose de "polo menos un 40 % do prezo de cada servizo".

Aínda que o grupo desenvolvía a súa actividade principalmente nas cidades de Ourense e Santiago de Compostela, onde contaba con colaboradores na captación e na recollida de beneficios, a mobilidade do principal responsable permitía a captación de potenciais vítimas noutras cidades. A  todos os detidos impútanselles os delitos de tráfico de seres humanos, pertenza a organización criminal, relativos á prostitución e corrupción de menores.

Noticias web

24/08/2021