CRTVG

Buscar

Desartellan unha rede de distribución de cocaína na Coruña con 9 detidos

Publicado o 26/03/2021 18:49

• Vendían polo miúdo nun bar dos Mallos

A investigación comezou hai un ano ao detectarse un aumento da venda de droga a pequena escala na zona dos Mallos. A actividade desenvolvíase nun bar da zona. Unha investigación conxunta da Policía Nacional e da Axencia Tributaria identificou o suposto xefe da rede e outras oito persoas que traballaban para el. Parte deles son da mesma familia.

Ademais de dirixir esta actividade, o cabeza da trama branqueou os beneficios mercando polo menos unha ducia de inmobles na cidade.

A operación rematou con 9 detidos, 5 homes e 4 mulleres de entre 40 e 50 anos. Todos están acusados dun delito contra a saúde pública. Ao suposto xefe da organización acúsano ademais de branqueo de capitais. Dos arrestados, 6 están xa no cárcere. Outros tres quedaron libres, pero con cargos.

Os axentes atoparon nos rexistros preto dun quilo de cocaína e arredor de 200.000 euros en efectivo na caixa de seguridade dun banco. Ademais incautáronse de material para cortar a droga, seis vehículos de alta gama e unha pistola de fogueo que se modificou ilegalmente para usala con munición real.

Noticias web

26/03/2021