CRTVG

Buscar

Desartellan unha asociación para a venda de haxix e marihuana en Santiago

Publicado o 12/05/2021 09:57
Desartellan unha asociación para a venda de haxix e marihuana en Santiago

Axentes da Policía Nacional detiveron seis persoas como presuntos integrantes da directiva dunha asociación 'cannábica' no barrio santiagués da Choupana e que era empregada como tapadeira para a venda de haxix e marihuana.

Os axentes iniciaron unha investigación despois de que varios veciños alertaran dun movemento estraño de persoas que accedían ao interior dun local. A policía confirmou que no inmoble había unha asociación 'cannábica' á que acudían numerosas persoas para adquirir diversas variedades de cánnabis.

A agrupación que figuraba inscrita no rexistro de asociacións da Xunta de Galicia contaba con máis de 300 socios, a quen se lles vendía a droga. Durante o transcurso da operación, practicáronse tres rexistros e detiveron aos tres compoñentes da xunta directiva e a tres empregados.

Os axentes incautáronse de 850 gramos en cogollos de diversas variedades de marihuana, 310 cigarros de marihuana, 210 gramos de pole de marihuana, 5 balanzas de precisión, varios computadores, 2 walkie-talkis, 6 teléfonos móbiles e máis de 12.000 euros en metálico. Os detidos foron postos á disposición do Xulgado de Instrución número un de Santiago.

Noticias web

12/05/2021