Cae un grupo que cometía roubos con forza en Lugo e noutros puntos de España
Tras meses de investigación, a Policía Nacional logrou desartellar un grupo criminal asentado en Madrid e especializado na apertura de caixas fortes con lanza térmica e soprete.
Os seis detidos participaron presuntamente en 23 asaltos cometidos en establecementos comerciais e en oficinas de Lugo, Madrid, Oviedo, León e Valdepeñas.
"No que se refire a Lugo, foi unha tentativa de roubo. Entraron nun obradoiro de xoiería e so levaron un marcador de diamantes", dinos Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo.
As investigacións comezaron en setembro do ano pasado. A policía identificou un dos autores dos roubos e descubriu que formaba parte dun grupo que tiña unha actividade delitiva frenética.
"Aquí as investigacións xa avanzaron moito", asegura Arias. "Permaneceu a investigación en Madrid para poder imputarlle todos os roubos que se produciron no resto das provincias de España".
A policía tamén se incautou de máis de 4.000 euros, tres vehículos, roupa roubada e do material que utilizaban para os asaltos.