Desartelladas dúas bandas en Lugo ás que se lles imputa unha vaga de roubos en garaxes
A Policía Nacional desartellou en Lugo dúas bandas ás que lles imputan unha vaga de roubos en coches estacionados no interior de garaxes en distintos puntos da cidade. Agás un dos cinco detidos, o resto son menores de idade.
A raíz dunha serie de denuncias por roubos en vehículos estacionados no interior de garaxes, os axentes da Comisaria de Lugo montaron un dispositivo especial de vixilancia que non tardou en dar froito. Nun dos barrios afectados, o de Garabolos, foron sorprendidos tres mozos, dous deles menores, cando levaban nun coche unha decena de obxectos roubados noutros tantos vehículos. Supostamente, forzaban a pechadura magnética de acceso aos garaxes. Outros dous menores, que presuntamente se dedicaban a entrar nos garaxes aproveitando descoidos, foron collidos na allada no barrio de Paradai.
José Manuel González, voceiro da Comisaría de Lugo:"Detivemos cinco persoas, un maior de idade e dous menores que pertencen a unha banda e outros dous menores doutra banda. No primeiro caso, esas tres persoas rompían as pechaduras da entrada dos garaxes e unha vez dentro roubaban nos coches. No outro caso, aproveitaban que quedaban os garaxes abertos ou entraban polas portas das vivendas."
Ambas as dúas bandas presuntamente se dedicaban a rachar as xanelas ou a forzar as portas cunha panca para accederen aos vehículos. Na maior parte dos casos, era maior a contía dos estragos que causaban que o valor dos obxectos roubados.
José Manuel González, Voceiro da Comisaría de Lugo:"A primeira detención debeuse a unha investigación da policía xudicial a raíz dunha serie de denuncias por roubo en garaxes. Detectáronse tres persoas no interior dun vehículo en cuxo interior levaban efectos produto do roubo. No segundo caso, foi unha chamada telefónica avisando de que estaban roubando nun garaxe. Acudiuse e foron collidos 'in fraganti' os dous menores, que malia botaren a correr resultaron detidos."
A detención dos catro menores foi posta en coñecemento da Fiscalía antes de seren entregados aos seus pais, mentres que o único detido maior de idade está en liberdade con cargos.