Desartellada unha rede de tráfico de drogas que operaba na Terra Chá e na Mariña
No marco da operación Thorir, a Garda Civil dá por desmantelada unha rede de tráfico de drogas integrada na súa maior parte por residentes na Terra Chá e na Mariña. A investigación iniciárase a raíz de varias denuncias de usuarios de servizos de prostitución, que os vencellaban ao tráfico ilícito de estupefacientes.
Nun primeiro momento, detivéronse seis persoas e comisáronse outros tantos quilos de haxix e cen gramos de cocaína, ademais de 40.000 euros en efectivo, vehículos e mais útiles para o corte e a adulteración da droga. Deseguido, os axentes prenderon un veciño de Vilalba de 35 anos, que tiña no seu domicilio outros 120 gramos de cocaína. Ademais, impútanlle a entrega da cocaína intervida nas fases anteriores da investigación. Tras pasar a disposición xudicial, ordenouse o seu ingreso inmediato nun centro penitenciario.