CRTVG

Buscar

Desaparecido un veciño de Baio desde onte

Publicado o 11/12/2020 14:16

Manolo de Gavín ou do Piñeiro é como coñecen a este veciño de Baio, en paradeiro descoñecido desde o xoves.

Traballa de transportista nesta empresa de distribución e foi Marga, a encargada, quen deu a alerta o xoves á primeira hora ao ver que Manolo non chegaba. Sorprendeulle que o seu teléfono móbil de empresa e o persoal deran sinal de apagado, polo que chamou o fillo.

Margarita Ramos Ramos, encargada de Ramos Alidis: "Chamei e díxenlle esperta a papá que igual quedou durmido, e el respondeume que xa debera de saír, porque non estaba na casa. E aos dez minutos volvino chamar e díxenlle Manu, algo debeu pasar, porque aquí non chegou. O rapaz foi mirar abaixo. Non estaba o coche, e daquela xa nos alarmamos un pouquiño porque tiña os teléfonos apagados, cousa que nunca facía".

Explica Marga que se puxo en contacto coa familia e co hospital e centros de saúde por se sabían del e logo comunicaron a súa desaparición á Garda Civil. Manuel Rodríguez ten 54 anos. Os traballos na súa busca non deron resultado. Tampouco hai rastro do seu coche, un Daewoo Nubira de cor azul. Preguntamos no seu traballo sobre a súa actitude.

Segundo a encargada de Ramos Alidis: "Acudiu traballar coma sempre. Veu, coma sempre, sorrindo. É unha persoa moi agradable, sempre contento, moi responsable no seu traballo... Nada, nós non lle notamos absoluntamente nada. Os compañeiros de traballo e na casa tampouco lle notaron nada que fixera presentir algo distinto".

Efectivos da Garda Civil e de Protección Civil proseguen coas tarefas de busca.

Noticias web

11/12/2020