CRTVG

Buscar

Desaparecen dúas esculturas dun parque ourensán

Publicado o 21/04/2021 14:51

Dúas esculturas de grandes dimensións desapareceron do Parque Miño, en Ourense, e unha terceira precisa reparación polos actos vandálicos. 

O escultor Xosé Cid ensínanos unha obra da mesma serie que unha das desaparecidas. Un home da Rabeda, fundido en bronce por Xosé Cid no ano 1996: "É moi desagradable para min como autor se desaparece a escultura polo valor da materia. Iso sería moi triste para un autor".

Isto é o que queda dela. Os ganchos serrados cos que a amarrara, a conciencia, tras un acto vandálico anterior.

"Aí tiveron que darlle duro para sacala do pedestal, da maneira en que quedou amarrada", comenta.

Tamén falta a Serea do xa falecido Arturo Baltar. Para sacala, tiveron que meter os pés na auga.

"Unha animalada, porque roubar unha estatua desas, a quen favorece?". "Eu tampouco vexo ninguén aquí, garda ningunha, e paso bastantes veces", comentan dous veciños.

A maternidade de Manuel Buciños correu mellor sorte. Está danada, pero localizada. Trasladárona a dependencias municipais tras varios días tirada no chan, segundo aseguran usuarios habituais do parque.

"Hai dúas semanas ou así, a estatua estaba tirada no chan. Iso non é roubo, é desleixo máis ben, para min", di unha usuaria habitual.

Lamentan os usuarios a falta de vixilancia e o abandono en xeral, visible noutras obras deste deteriorado museo ao aire libre.

Noticias web

21/04/2021