CRTVG

Buscar

Desaparece unha escultura do século XVIII da Pobra do Caramiñal

Publicado o 23/01/2020 14:16

A escultura estaba integrada na fachada dunha casa da Pobra do Caramiñal e está catalogada como ben protexido pola Lei de patrimonio cultural de Galicia. O que había no oco que agora se aprecia era unha peza duns sesenta centímetros de alto, labrada en pedra nos séculos XVII ou XVIII, de estilo barroco e que representa a san Xoán Bautista.

O director do museo Valle Inclán puxo o feito en coñecemento do Concello e desde a Asociación para a Defensa do Patrimonio de Galicia tamén difundiron esta imaxe da escultura, por se alguén a ve.

Carlos Enrique Fernández Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego di que "non é unha escultura independente. Forma parte dun edificio. O que pasou é como sacarlle un escudo a un edificio. Forma parte do ben inmoble e inseparable, non é que estea colocada alí provisionalmente. O feito de que estea catalogada ou inventariada é que forma parte dun patrimonio cultural e entón, se se move de sitio é un espolio. Só se poden mover esas pezas con autorización expresa da Xunta de Galicia".

É a segunda escultura que desaparece deste inmoble. Outra, da Virxe da Concepción, que estaba nesta fachada falta desde hai uns dez anos.

Fernández Coto di: "Hai, supoño, un mercado mundial de intercambio de arte e antigüidades e algún espelido dixo "vou sacar aquí uns cartos" e seguramente está no mercado mundial, claro".

No recinto valado da mesma vivenda en que estaban as dúas esculturas, hai dous cruceiros que levan o nomen da propiedade, Casto Dios, e que están incluídos na ruta dos cruceiros da Pobra do Caramiñal. Un deles, datado nos séculos XVI-XVII é dos máis antigos da Barbanza.

Noticias web

23/01/2020