CRTVG

Buscar

Recuperan o corpo sen vida do percebeiro desaparecido no faro de Laxe

Publicado o 14/12/2020 14:27

• Francisco Manuel Lema tiña 59 anos e era un percebeiro experimentado

 • Galicia sofre un novo temporal costeiro con ondas de ata 7 metros de altura

 

 

Efectivos de Salvamento Marítimo recuperaron o corpo sen vida dun percebeiro que desapareceu esta mañá mentres traballaba nos arredores do faro de Laxe, na Pedra do Boi.

Francisco Manuel Lema tiña 59 anos e estaba apañando percebes na zona. Contra as 11 e media da mañá, os seus compañeiros botárono en falta e aavisaron a confraría, que alertou os servizos de Emerxencias, segundo confirmaron no 112.

Inmediatamente mobilizáronse os medios de Salvamento Marítimo e de Gardacostas de Galicia. Pouco despois das 13:00 horas, recuperaban o cadáver do mariñeiro.

O propio patrón maior de Laxe, Manuel Villar, relata que neste primeiro día de apertura da veda el mesmo traballou esta mañá na zona, "onde menos bate o mar", e cando xa marchara de alí foi cando o avisaron os compañeiros: "Falta Paco, falta Paco". Foi cando alertaron o 112.

Non saben se esvarou, se foi un golpe de mar ou que puido pasarlle porque estaba traballando só lonxe do grupo. 

"Con este mar vimos moitas veces, pero tivo a desgraza de que estaba só, e non sabemos se puido caer, esvarar...", lamenta Villar.

O lugar onde caeu ao mar Francisco Lema é unha zona de rochas situada ao pé do Faro de Laxe. 

Na busca participou por mar a embarcación de Salvamento Salvamar Altair e unha lancha da Cruz Vermella de Laxe, que foi a que recuperou o corpo na zona de Pedra do Boi. Por aire, o helicóptero Helimer 401 e por terra colaboraron membros de Protección Civil, Policía Local e Garda Civil.