CRTVG

Buscar

Desaloxan unha cervexería en Lugo con máis clientes dos permitidos e sen a máscara

Publicado o 10/07/2020 13:54

Ata 96 asistentes a unha festa contabilizou a policía nunha cervexería de Lugo onde a capacidade é de 78 persoas e ademais actualmente está limitada a un máximo do 75 por cento.

Por se fose pouco, os axentes viron que os clientes non levaban posta a máscara e atoparon moreas de cabichas no seu interior, onde detectaron un forte cheiro a tabaco.

Tamén comprobaron que se escoitaba música dende o exterior a un volume excesivo, tal como denunciaban os veciños que os chamaron para se queixar do ruído procedente do local.

"Xa hai unha tempada que aquí practicamente non se dorme, neste edificio. Hai ruídos, hai lanzamentos de botellas... Incluso hai veciños que pasan case todas esas noites sen durmir. A ver se a situación cambia un pouquiño, porque é grave para a xente que ten que traballar ao día seguinte, que ten que madrugar e non pega ollo". "Hai ruído todas as noites nas dúas cervexerías. A partir das doce da noite hai xente e hai ruído na rúa toda a noite, ata as catro ou as cinco da mañá. É o que hai", denuncian os veciños da contorna.

Ademais de desaloxar o establecemento, os axentes da Policía Local detectaron como dúas persoas realizaban funcións de camareiros sen ter ningún tipo de vinculación laboral co negocio, polo que levantaron acta para remitirlla á Inspección de Traballo.

Noticias web

10/07/2020