Desaloxan preto de 60 persoas nunha festa ilegal en Ourense
Os veciños quéixanse das molestias que lles causa este establecemento, en pleno centro de Ourense. "Hai máis dun ano comezaron os incidentes con este local. Hai moito ruído, lea, pelexas... é un ambiente moi desagradable" asegura un veciño do inmoble. Di que a policía veu varias veces desaloxar o local, pero que non serve de nada. "Desaloxaron cincuenta e tantas persoas aí dentro, pero pechan, precintan, e volven abrir ao día seguinte. Rinse da autoridade e dos veciños, e estamos intranquilos"
As festas a porta pechada fóra de horario como as que denuncian nesta comunidade non serán a norma, pero tampouco a excepción. "Sei de locais que o fan dende a unha ata as seis, ou ata as tres" comenta unha moza en Ourense. "Teño escoitado que si, que hai festas ilegais, pero non sei dos sitios", di outro veciño.
Aseguran que, para saber dos sitios, funcionan o boca a boca, e as redes sociais. E, localizados os establecementos, comentan: "parece que neses locais non existe a pandemia, e logo veñen os gromos, claro"