Desaloxan en Lugo un bar reincidente cos clientes ocultos na cociña e nos aseos
Nun operativo conxunto, a Policía Nacional e a Policía Local de Lugo desaloxaron unha cervexería que contra a unha da mañá aínda tiña clientes no seu interior. Ao denunciaren os veciños que había unha pelexa fóra do local, na céntrica rúa Salvador de Madariaga, acudiron varias patrullas. Cando chegaron, os axentes escoitaron xente de festa dentro do establecemento. Daquela chamaron á porta e saíu o encargado, quen manifestou que estaban a realizar labores de limpeza e inventario, pero non tardaron en atopar os catro clientes que estaban escondidos dentro do bar. Dous agocháranse nos baños e os outros dous na cociña.
Todos os clientes foron identificados para ser sancionados por incumprir a lei. Os axentes tamén levantaron acta contra o dono do negocio, que é reincidente. Xa o verán pasado fora multado por superar a ocupación e porque había xente sen máscara, ao que hai que engadir os diversos altercados que se producen periodicamente ás súas portas.
O malestar dos veciños con respecto a este local reincidente é compartido polos negocios da contorna.