CRTVG

Buscar

Desactivado o dispositivo de emerxencias no Ceao, 12 días despois do incendio

Publicado o 23/04/2021 11:25
Desactivado o dispositivo de emerxencias no Ceao, 12 días despois do incendio

Doce días despois do voraz incendio que calcinou tres naves industriais e afectou outras tantas no polígono industrial do Ceao, no municipio de Lugo, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) desactivou o dispositivo despregado para controlar a zona afectada.

O lume comezou sobre as seis da mañá do pasado 11 de abril e obrigou a decretar o nivel 1 do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) para mobilizar efectivos de toda a provincia. Participaron os bombeiros de Lugo, de Vilalba e brigadas contraincendios forestais de varias localidades.

O mesmo domingo, despois de momentos de tensión, controláronse as lapas que, supostamente, comezaron nunha das naves da empresa Castro Parga e arrasaron as instalacións da división de pneumáticos de Frain. Por precaución, baleiráronse os tanques dunha das estacións de servizo do polígono industrial.

Reténs de seguridade

O lume permaneceu activo durante días, polo que os bombeiros tiveron que establecer reténs de seguridade para ir apagando os focos localizados e arrefriando a zona para evitaren que reavivasen as chamas.

Finalmente, o dispositivo de emerxencias quedou desactivado nas últimas horas. Agora, os peritos das compañías aseguradoras tratan de determinar o alcance do incendio para fixar as correspondentes compensacións.

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, cifrou as perdas nuns quince millóns de euros.

O propietario de Frain, Francisco Dorado, á espera de completar a valoración, calcula que os danos  só no seu negocio suman uns sete millóns de euros.