Desabastecemento de grelos en conserva nos supermercados
Publicado o 14/10/2020 20:15
Atopar grelos en conserva no noso supermercado é cada vez máis complicado. De feito, algúns están totalmente desabastecidos, xa que algunhas conserveiras non logran a materia prima necesaria por diversos motivos.
Nesta empresa de Vilalba contan que cando comezaron hai 20 anos tiñan 115 provedores. Hoxe, apenas 20, polo que se viron obrigados a buscar alternativas, e optaron por cultivar os seus propios grelos para garantir sempre un stock.
É unha das alternativas para que as empresas pertencentes a Indicación protexida Grelos de Galicia poidan continuar coa produción, xa que se lles esixe traballar exclusivamente con grelo galego. Mentres, outras optan por traer grelos de Portugal ou Andalucía.