CRTVG

Buscar

Derrúbase o cono principal do volcán e únense varias bocas que xuntas expulsan máis lava

Publicado o 04/10/2021 14:47

Comeza a terceira semana desde que empezou a erupción e o volcán de Cumbre Vieja expulsa máis lava ca nunca. Parte do cono principal derrubouse esta noite e sospéitase que se uniron varias bocas. De momento, as coadas non obrigaron a máis confinamentos nin desaloxos. 

Ao longo de onte, xa os xeólogos observaran que a morfoloxía do cono estaba cambiando constantemente. Grazas ás imaxes de dron, descubrírono mesmo máis ensanchado e tapado. Á última hora de onte derrubábase parcialmente o cono principal. Durante esta noite, foi gañando explosividade e aumentou o caudal de lava. Inda que de momento discorre por unha única coada, non se descarta que poidan abrirse novas sendas e arrasar máis propiedades. 

Polo de agora a lava discorre por unha única lingua cara ao mar. Pero non se desbota que poida dividirse e arrasar novas propiedades.

A calidade do aire continúa sendo aceptable nas zonas próximas á erupción, pero prevese un leve empeoramento. O dióxido de xofre, iso si, atravesou o Atlántico, e foi detectado na illa caribeña de Puerto Rico. Ordenouse a evacuación dos científicos e dos membros dos equipos de emerxencias que recollían mostras preto da coada do volcán.

As autoridades autorizaron hoxe novas incursións de veciños nas zonas evacuadas para recoller efectos persoais das súas vivendas. Hoxe chegan á illa dúas desalinizadoras portátiles para garantir o rego das plataneiras.

Tras dúas semanas de erupción, durante as que o volcán expulsou uns 80 millóns de metros cúbicos de magma e arrasou unhas 400 hectáreas, o volcán alterna momentos de forte actividade explosiva con intensa actividade sísmica que fan temer a aparición de novas bocas. Nas últimas horas, rexistrábanse ata seis terremotos na zona de Fuencaliente. Con todo, os expertos non dan predito canto durará a erupción.

Ao mar segue chegando a lava, entrou case medio quilómetro mar a fóra, e ocupou unha superficie de 28 hectáreas. E a cinsa segue complicando a vida na illa, coa preocupación ademais de que chova con forza nos próximos días e colapse todo. A DXT advertiu do perigo de circular por seis estradas do val de Aridane pola presenza de cinsa.

A actividade volcánica non perde potencia no Cumbre Vieja despois de 15 días de erupción. O final, de momento, non semella estar moi próximo.

 

Noticias web

04/10/2021