Derruban o soportal da capela de San Miguel na Arnoia
Este é o estado en que quedou o soportal da capela de San Miguel, situada no monte, no concello ourensán da Arnoia. Apareceu así totalmente derrubado, e o que sospeitan é que puido tiralo un camioneiro que estaba a recoller leña pola zona.
O feito sorprendeu os veciños e tamén o párroco, que xa puxo denuncia na Garda Civil.
Nesta capela celebran cada 8 de maio unha romaría con moita tradición na zona. O veciños lamentan que o condutor que supostamente provocou os estragos marchase sen dar conta do que ocorreu.
O soportal, con piares de pedra e teito de madeira, quedou totalmente derrubado e aseguran que os danos son cuantiosos. A Garda Civil estivo inspeccionando o lugar, onde se ven as rodeiras dun vehículo e tamén algunha peza rota tras o golpe.