Derbi galego entre Rácing e Compostela, este sábado, na Malata
Derbi galego este sábado na Malata. O Compostela viaxa a Ferrol coa confianza que lle deu a última vitoria na casa, onde por fin chegaron os goles. Os de Iago Iglesias intentarán prolongar a boa dinámica do equipo.
Brais Abelenda, S. D. Compostela: "Espero un partido que sexa parello, esperemos que sigamos coa nosa dinámica de non encaixar goles que iso asegúranos puntos e ademais a ver se podemos aproveitar as ocasións que tiñamos".
Brais Abelenda buscará o gol nun campo que lle é ben coñecido. Alí xogou catro temporadas.
Brais Abelenda, S. D. Compostela: "Sempre é especial enfrontarte aos teus ex-equipos, un pouquiño de plus para demostrar que tes ganas, todos os xogadores queremos marcar goles e se é contra os nosos ex aínda con máis ilusión".
O encontro tamén será especial para un racinguista nacido en Compostela, o gardameta Chema.
Chema, Rácing de Ferrol: "Sempre é bonito enfrontarte ao equipo da túa terra e creo que vai ser un partido moi bonito. Tanto eles coma nós temos moita ilusión en gañar este partido. O que se di é que o Rácing quere ascender e o Compos manter a categoría pero nesta competición tan curta deberiamos ir partido a partido".
Diferentes obxectivos, pero polo de agora só 2 puntos separan os dous equipos na táboa.