Deportivo, Rácing e Compostela, ante a súa "permanencia"
Liguiña de seis partidos para dúas prazas que aseguran a presenza na Primeira Federación
O regreso do Deportivo ao fútbol profesional terá que esperar outra temporada. Quedou ás portas de pelexar por subir a Segunda, pero está ben posicionado para manterse na Primeria Federación, que será a nova categoría de bronce. Agora toca afrontar unha liguiña de seis partidos que empeza o domingo en Riazor contra o Marino.
Bergantiños: "Somos primeiros e hai que asegurar a Primeira Federación como sexa".
Son dúas prazas, ás que tamén aspiran Rácing de Ferrol e Compostela. Nesta fase non hai derbis pero consérvanse os resultados dos enfrontamentos entre galegos. O Rácing parte no segundo posto e tamén empeza na Malata o domingo, contra o Langreo.
Alex López: "Empezamos con vantaxe e dependemos de nós. Está a ser unha temporada moi estresante".
O Compostela, que o ano pasado estaba en Terceira, tamén está na pelexa, a dous puntos do Rácing. O sábado recibe o Numancia e anuncia que vai dar a batalla.
Yago Iglesias: "A quedar o máis arriba posible. Imos con todo".
Por aspiración ou por necesidade, todos se aferran á Primeira Federación, que promete parecerse máis a unha liga regular a próxima temporada.