O Deportivo afonda na súa crise de resultados tras perder en Xirona
O Deportivo afonda na súa crise de resultados tras perder onte en Xirona.
En Montilivi o Deportivo perdeu por 3 goles a un e apenas deu síntomas de poder reaccionar. Veremos se o presidente Paco Zas toma cartas no asunto. O equipo atravesa unha situación límite. Van xa oito xornadas sen gañar e ademais o equipo coruñés leva encaixados 17 goles. Anquela tamén demostra que está vivindo un auténtico calvario.
Con Anquela aboiando á valga nun océano de impotencia o Girona púxose a mallar no Dépor dende o minuto un. A cabezada de Borja García para dar aviso, dende o miolo da área e rematando un centro medido de Jozabed. A seguinte xa sería o primeiro gol local.
Pelota perdida entre Lampropoulos e Nolaskolin con arrancada do Girona buscando porta. Stuani chega sen freo á media lúa da cal e bate duro no coiro para espetalo contra o poste. Desconcerto defensivo coruñés e rebote que recolle Borja García con tempo para pensar, manobrando sen oposición e batendo a Dani Giménez.
Comezaba o calvario deportivista, tamén no marcador. Quince minutos despois de encaixar o primeiro chegaba o segundo: falta que botan os da casa, longa, moi longa, e con Marc Gual atento a recoller as faíscas do coiro que chegan voando dunha melé de cabezas no punto de penalti. Só e efectivo, Gual anota e deixa visto para sentenza o primeiro tempo.
No segundo, o Deportivo quixo virar a tosta co único recurso que semella quedarlle a este equipo para marcar: un balonciño para a zurda de Aketxe e a confiar no especialista. Move o banco Anquela e a saída do campo de Jovanovic, substituído por Borja Valle, foi providencial.
O ponferradino, nun arranque de carraxe e orgullo de futbolista, colle un balón no medio do campo e corre coma un poseso salvando rivais ata plantarse na frontal da área e lanzar a porta colocándolle o redondo fóra do alcance de Juan Carlos.
Era un gol bandeira ao que non se deu enganchado o Dépor porque non. Por que noutra pelota perdida ao chou na medular, avanzan as liñas rivais a bloque e Samu Sáiz asiste para Stuani. O lanzamento cruzado do uruguaio cóase na portería de Dani Giménez e mata o partido.
De nada valería xa un estertor final dos branco e azul quitando forzas do fondo do tobo anímico en que se atopan. A intervención do porteiro Juan Carlos evitou un segundo gol visitante e deixou o marcador nun durísimo tres a un, cuarto partido perdido en nove xornadas deportivistas para esquecer.