Denuncian uns pais en Lugo por deixar a filla menor soa e marchar a un pub
Pasaban uns minutos das seis da mañá cando durante a xornada habitual dun repartidor de prensa este se decatou da presenza dunha nena moi pequena chorando tras unha fiestra.
Aconteceu na rúa Galicia, en Lugo, e o home, preocupado, achegouse ata a comandancia da Garda Civil e relatoulle a unha patrulla do Subsector de Tráfico o que vira.
Estes deron aviso á Policía Local, que se presentou no lugar. Conseguiron que un veciño lles abrise o portal do edificio e despois accederon á vivenda, onde comprobaron que a menor, de só dous anos e medio, estaba soa, chorando e moi asustada.
Pouco despois apareceu no lugar unha parella que manifestaban ser os pais da nena e dixeron que acudiran ao domicilio duns amigos e que posteriormente baixaran a un local de copas desta outra rúa lindeira, e quedara a nena durmida e soa no cuarto.
Ante esta situación, a policía localizou unha familiar da menor que se fixo cargo da nena e instruíu contra os país dilixencias por un presunto delito de abandono. O caso será remitido aos xulgados e os pais da pequena enfróntanse a unha pena que vai dos 18 meses aos 3 anos de cadea.