Denuncian unha moza en Sevilla por ir a 180 Km/h e difundilo nas redes sociais
A Policía Local de Sevilla e a Garda Civil de Tráfico denunciaron unha moza de 20 anos que circulaba a 180 quilómetros por hora na circunvalación de Sevilla e que subiu ás redes sociais o vídeo que gravou nese momento. A velocidade na zona pola que conducía estaba limitada a 80 quilómetros por hora.
O equipo de redes sociais da Policía Local sevillana, que xestiona os perfís oficiais de emerxencias localizou un vídeo en Instagram en que unha muller, posteriormente identificada e denunciada, conducía un vehículo de gama alta a unha velocidade anormalmente elevada. As investigacións lograron dar coa persoa que estaba detrás do perfil que publicou o citado vídeo e que resultou ser a mesma que conducía.
O vehículo, cunha potencia de 585 cabalos, alcanza os 320 quilómetros por hora, cunha aceleración de 0 a 100 en 3,6 segundos. A muller declarou como investigada por dous delitos contra a seguridade viaria: un polo exceso de velocidade ao circular a 180 nunha zona limitada a 80, e outro pola condución temeraria que amosa no vídeo, xa que mentres está ao volante, posa.
A Fiscalía especializada en seguridade viaria fíxose cargo das dilixencias.