CRTVG

Buscar

Denuncian un vertedoiro ilegal nun enclave histórico en pleno centro de Lugo

Publicado o 11/08/2020 13:29

Veciños do barrio do Carme, en Lugo, denuncian a aparición dun vertedoiro ilegal. Láianse ademais de que estas condutas incívicas se produzan xusto agora que o Concello comezara a apostar pola rehabilitación da zona, que ten un gran valor patrimonial.

Altos muros centenarios que delimitaban as hortas do clero marcan o inicio do camiño que discorre paralalelo ao antigo camiño primitivo a Santiago no barrio do Carme. Unha zona natural de gran valor patrimonial que emerxe entre a maleza e dende hai uns días tamén convertido nun vertedoiro ilegal.

"É lamentable e incríble, porque ademais do lixo que vemos aquí tamén está a derruba duns muros a xunta seca declarados patrimonio da humanidade dende o ano 2018 pola Unesco e no Carme temos unha concentración deste tipo de muros xigante", comenta Guido Álvarez, guía turístico en Lugo.

O vertedoiro descubriuno este guía nun dos paseos turísticos que realiza por esta zona co fin de concienciar sobre o valor histórico deste barrio e dalo a coñecer aos propios lugueses.

"Moitos destes camiños son medievais, outros bimilenarios coma a vía romana XIX, pasa por aqui o Camiño primitivo, aqui tamén naceu San Froilán no século IX... Son conexións ao Camiño Primitivo, son baixadas ao Miño, camiños polos que San Froilán baixaba ao río cando era pequeno... Isto está cheo de historia", engade Guido Álvarez.

O barrio do Carme, situado a escasos metros da muralla romana, era unha zona de cultivos, convertela noutro pulmón verde da cidade é un dos usos que claman historiadores e arquitectos. A pesar do seu estado descoidado, hoxe xa é escenario de rutas sensoriais e ornitolóxicas.

Noticias web

11/08/2020