CRTVG

Buscar

Denuncian un veciño de Vigo que acumula lixo na casa en ruínas en que vive

Publicado o 01/10/2019 14:31

Un septuaxenario vive dende hai un ano nun inmoble de tres andares da rúa Poboadores, un lugar en ruínas que só conserva a súa estrutura. Este home, un antigo músico residente en Madrid, é o seu propietario e retornou á súa cidade, para desesperación dos veciños.

A casa non ten luz nin auga e está chea de lixo porque este veciño di que quere restaurala co que atopa na rúa. Os residentes están cansos dos ruídos, dos incendios que xera e do perigo que supón para todos e todas.

Fronte ás incomodidades diarias que padecen, estes veciños levan un ano agardando por unha solución. Xa avisaron o Concello, os servizos sociais, a Urbanismo e mesmo o denunciaron por escrito no xulgado.

Piden que un maxistrado estude o caso para ordenar a súa avaliación psíquica e actuar en consecuencia dado que ao estaren no seu domicilio non poden botalo da súa casa a pesar de estar en ruínas.

Noticias web

01/10/2019