Denuncian sete roubos en coches aparcados en Ordes
Varios veciños de Ordes denunciaron o roubo de diñeiro e outros obxectos do interior dos seus coches, estacionados en aparcadoiros comunitarios. A Garda Civil recolleu seis denuncias e a Policía Local outra. Eduardo Rodríguez, xefe da Policía Local de Ordes: "Foi só aos cartos en efectivo. Aínda que había outras cousas de valor nos turismos só levou diñeiro".
O ladrón ou os ladróns apoderáronse dunha cantidade de diñeiro inferior a cen euros e algún pequeno obxecto como conectores ou cargadores. Pero desbotaron outros de máis valor que se poderían rastrexar. Todos os roubos cometéronse na noite do domingo ao luns en circunstancias similares: dentro dos garaxes e rompendo os cristais dos coches para acceder ao interior.
Eduardo Rodríguez, xefe da Policía Local de Ordes: "A recomendación, que teñan coidado co que deixan nos coches e que vixíen se ven algunha persoa rara por aí que nos chamen a través do 112 a nós ou á Garda Civil".
Aconsellan poñer atención no momento de entrar ou saír dos garaxes para evitar que se coe alguén mentres non pecha o portal.