Denuncian que unha comunidade de veciños deixa sen fibra óptica parte dunha rúa de Lugo
Máis de 60 vivendas desta rúa do barrio lugués de Montirón non teñen acceso á fibra óptica. Os afectados denuncian que unha comunidade de veciños non permite o paso do cable pola fachada do seu edificio, polo que os seguintes bloques non poden dispoñer deste servizo.
"É moi necesario hoxe en día ter fibra óptica, que é o que non temos debido a que non pasa o cable a partir do número 35 desta rúa, Rof Codina. Isto dificúltanos o teletraballo. Temos a posibilidade dunha soa compañía, que si que nos ofrece velocidade alta, pero é mediante cable coaxial, e na actualidade teriamos que ter a posibilidade de elixir a compañía que queremos contratar", explica Carlos Mejuto, un dos veciños afectados.
El e outros aseguran que a negativa dunha comunidade de veciños a permitir que pase o cable de fibra podería ser ilegal. Recordan que, por lei, os operadores teñen dereito de ocupación da propiedade privada mediante a declaración de servidume forzosa de paso.
"Si que se debería deixar pasar, xa que é un servizo esencial. A propia lei 9/2014 de telecomunicacións así o indica, xa que fala de servidumes de paso por propiedades privadas. Entón a solución sería deixar pasar o cable pola fachada ou que as compañías que a día de hoxe non chegan ás nosas vivendas fagan o necesario para que chegue ese cable".
Mentres o cable de fibra óptica agarda para poder seguir o seu paso, os veciños afectados teñen que conformarse coa alta velocidade que lles ofrece unha única compañía.