CRTVG

Buscar

Denuncian que un veciño conflitivo pica as rodas e raia os coches en Porto do Son

Publicado o 29/09/2020 14:06

En constante conflito. Así viven na rúa Outeiro Alto de Porto do Son dende que chegou á veciñanza un home, que segundo denunciaron algúns dos que alí viven, pícalles as rodas dos coches e ráiallos. Ao parecer hai denuncias cruzadas por diferentes enfrontamentos. 

Apareceron varios coches raiados e coas rodas picadas nesta lugar da rúa Outeiro Alto de Porto do Son. Son poucos os que aquí viven e agora moitos evitan deixar aquí os vehículos. Segundo contan, un veciño é o causante de todas estas falcatruadas, polas que xa puxeron varias denuncias. Afirman que este home, duns 60 anos, accede coa súa furgoneta por esta costa á súa vivenda e lle molestan os coches que quedan aquí, ata o punto de que tivo xa polo menos unha lea cun dos donos dos coches que aparcan aquí, co que acabou a puñadas. Ao parecer, ese mesmo día estívoo a esperar cun fouciño para agredilo.

Tamén acusan este home de tentar agredir cunha pedra unha familia de residentes cando saían pasear cos cans pola rúa cara ao monte. Arreboloulles unha pedra e case lle bate a unha nena que ía con eles. Aquí din que non houbo conflito na veciñanza ata que chegou ese home aquí, ao que incluso acusan de entrar nun galiñeiro e levar todas as pitas, para conseguir ovos e vendelos, xa que se dedica á venda porta por porta. Aseguran que, malia ter ducias de denuncias, esta persoa conflitiva segue vivindo en Outeiro Alto e teñen medo de que calquera día teñan que lamentar unha desgraza debido á súa agresividade.

Noticias web

29/09/2020